Setembro 20th, 2010
Labordeta está morto e Aragón, de luto. O facebook, e a «blogosfera progresista», se é que existe tal cousa, choran o seu falecemento. Pero eu, que son atravesado por natureza, non podo evitar lembrarme de que o seu partido, a Chunta Aragonesista perdeu a representación en Madrid no Congreso dos Deputados e se atopa nun mal momento político.
Viñeron tamén á miña cabeza políticos moi «labordetescos» como Camilo Nogueira ou Julio Anguita, no campo da esquerda; ou o ex presidente Suárez, no campo da dereita. Todo o mundo os admiraba pola súa honestidade e firmeza de conviccións, pero poucos lles daban a súa confianza nas eleccións -ou polo menos, moitos menos dos que dicían admiralos-. É máis, estou convencido de que os tres preferirían, no momento da súa gloria política que a xente os amase menos, pero os votase máis.
Está na condición humana admirar a virtude a distancia, como algo desexable pero non alcanzable? Ou tal vez o que se admira cara afora é percibido interiormente como unha actitude quixotesca e pouco útil…
Posted in política | No Comments »
Xullo 14th, 2010
Un grupo de facebook propón cambiar as fotos de perfil pola bandeira galega de aquí ao día 25. É unha idea cuestionable, por todo o que supón de cambiar a identidade persoal pola grupal, reducidos a homes-masa, todos igualiños. Pero tamén é certo que a sobredose de bandeiras españolas provoca un efecto rebote que fai que moitos queiramos reivindicar a identidade da nosa pequena patria, que non ten selección de fútbol oficial pero dá boa sombra.
Claro que logo habería que decidir: que bandeira? Coa estrela (Bonita, pero só representa aos nacionalistas de esquerda e non ao conxunto dos galegos)?. Sen estrela? Co escudo do vello Reino (é o símbolo oficial de Galicia máis antigo, pero está cheo de iconas cristiás)? Co escudo da serea de Castelao (cun innegable punto friqui)? Bótase en falta quizais o símbolo unitario que foron as bandeiras de Nunca Máis.
Porén, o máis curioso é que ata hai tres-catro anos ninguén se plantexaría sobre a conveniencia de expresar os seus sentimentos de pertenencia nas redes sociais…
Posted in cibermundo, política | No Comments »
Decembro 30th, 2009
En Box Office Poison de Alex Robinson, traducido ao castelán como Malas Ventas, Dorothy Lestrade dille ao seu mozo Sherman que o problema dos que, coma el, queren ser escritores, é que pasan «moito tempo querendo e pouco escribindo».
En Berlín, cidade de fume, de Jason Lutes, a escena final mostra a Kurt Severing, xornalista e defensor da paz, botando unha chea de papeis nunha fogueira. Severing dilles aos desempregados que se quentan ao lume que polo menos así os seus escritos van servir para algo. Mentres tanto, a sociedade alemana e a República de Weimar desfanse tal é como se tamén fosen incendiadas.
Posted in banda deseñada, literatura | No Comments »
Novembro 26th, 2009
James Curran relata en «Media and Power» como as élites que exercen o control ideolóxico evitan normalmente que as clases subalternas accedan a coñecementos perigosos para a perpetuación de aquelas. A Igrexa católica prohibía a tradución da Biblia a linguas que o pobo puidese entender. Os anglicanos foron máis explícitos e ditaron leis para impedir que fose lida por aquelas persoas que precisaban unha especial protección: mulleres, aprendices e labregos.
En determinadas organizacións políticas existe tamén un escurantismo parecido, posiblemente herdado da clandestinidade antifranquista pero moi parecido no fundamental ao das sectas relixiosas. Este secretismo tradúcese na norma implícita ou explícita de que os debates ideolóxicos non deben trascender ao exterior. É unha actitude comprensible se se refire a debates sobre persoas ou sobre estratexias determinadas e políticas de alianzas, mais, qué gaña unha organización política evitando deliberadamente a ósmose coa sociedade? Manter incuestionados o poder e a autoridade dunha elite dominante.
Posted in política | No Comments »
Novembro 18th, 2009
Ken Loach non é un director demasiado apreciado pola maior parte da crítica, quizais pola súa teima militante en tratar temas políticos ou sociais (e polo tanto políticos), ou quizais por un certo clasicismo formal co que narra historias de forma sinxela. Admito que non coñezo a súa obra completa pero podo dicir que, de todo o que lle vin, nunca tiven a sensación de tirar os cartos ou perder o tempo. E iso xa é bastante. E tamén podo dicir, aquí, entre amigos, que chorei como unha madalena na última escena de Tierra y Libertad…
Onte tocounos disfrutar de Looking for Eric, o seu filme máis recente, nunha desas máxicas noites de Cineuropa, co Teatro Principal cheo e cun ambiente máis próximo ao dun partido de fútbol que ao dun cineclub elitista. E alí, no Old Trafford da rúa do Vilar, Ken Loach e o brillante reparto do filme, no que se atopaba Eric Cantona representándose a si mesmo, deron unha gran lección de como facer unha comedia case perfecta, con perspectiva social, e cun sentido de humor optimista que che reconcilia coas posibilidades da humanidade de ir a mellor.
Do mellor: á escena na que Eric (o carteiro, non o futbolista) e os seus compañeiros de traballo, working class manchesteriana en estado puro, fan unha terapia de grupo lendo un libro de autoaxuda.
Posted in cinema, fútbol | No Comments »
Novembro 17th, 2009
Ben, pois aquí estamos. Non pretendo subir fotos bonitas, nin vídeos de youtube, nin empregar as múltiples ferramentas do hipertexto. Iso xa se fixo antes. Só escribir sen moito plan definido. Esta é a miña casa pero podedes entrar cando queirades. Iso si, se está todo feito un desastre ou non vos poño un café, non vos queixedes.
Posted in metaentrada, Sen clasificar | No Comments »